O campionato galego sprint de categoría infantil e cadete de piragüismo decídese en Pontevedra

Pontevedra
01 de xullo 2021

O encoro do  Pontillón  do Castro acollerá entre o 3 e 4 de xullo as diferentes competicións nas que participarán 656 embarcacións de 69 clubs de toda Galicia

Presentación do campionato galego de piragüismo sprint de categoría infantil e cadete en Pontevedra
Presentación do campionato galego de piragüismo sprint de categoría infantil e cadete en Pontevedra / Concello de Pontevedra

O encoro do Pontillón do Castro acollerá esta fin de semana o campionato galego de piragüismo sprint de categoría infantil e cadete no que se darán cita 656 embarcacións pertencentes a 69 clubs de toda Galicia.

O evento foi presentado este xoves no Concello de Pontevedra polo presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea; e o concelleiro de Deportes de Pontevedra, Tino Fernández. "Mediranse en contrarreloxos e probas finais, o sábado 3, entre as 9:30 e as 19:20 horas, os deportistas de categoría infantil, e o domingo 4, das 9:00 ás 15:05 horas, os de categoría cadete”, indicou Fernández.

"Será un gran día para Pontevedra, porque o piragüismo é un referente nesta cidade, un deporte estratéxico. Só hai que ver como están o río e o propio Pontillón do Castro cheos de piraguas todos os días. Ademais, este tipo de eventos son moi importantes na nosa estratexia para ‘vender’ cidade, xa que moitos destes padexeiros terán que vir un día antes, pernoctar, comer, saír e gastar en Pontevedra e iso sempre é unha magnífica nova en anos tan complicados como está sendo este 2021 e foi o 2020", concluíu o edil socialista.

Pola súa banda, Alfredo Bea subliñou que Pontevedra "non é só un referente para o piragüismo como cidade, senón que, cos últimos éxitos e medallas internacionais acadadas, é tamén un referente deste deporte a nivel mundial". O presidente da Fegapi referiuse en concreto ao éxito alcanzado por Antía Jácome, que o cualificou de "fito histórico" porque desde a época de Ana Penas ningunha pontevedresa, á marxe de Teresa Portela, logrouse clasificar para os Xogos Olímpicos.