O cansazo, inimigo extra para o Arxil en Zaragoza

Pontevedra
29 de xaneiro 2016

O conxunto pontevedrés afronta un longo desprazamento para o choque deste sábado en Aragón, para o que só despraza a nove xogadoras e no que busca un triunfo que lle permita afrontar con tranquilidade a fase final da liga regular

Partido entre Arxil e Badajoz no CGTD
Partido entre Arxil e Badajoz no CGTD / Diego Torrado

Longo desprazamento para o Club Baloncesto Arxil, que pretende en Zaragoza (sábado, 19:30 horas) esquecer o tropezo na casa da pasada fin de semana, ante León.

As verdes afrontan unha das peores viaxes da tempada, polas horas que lles levará chegar ata a capital aragonesa, e fano cun equipo de só nove xogadoras.

Tras a baixa federativa de Skye Rees e con Jara e Aldara en Pontevedra para reforzar ao filial, Mayte Méndez verá reducida a rotación.

Con todo a adestradora pontevedresa espera que esa circunstancia non afecte o rendemento do equipo para conseguir un triunfo que achegue tranquilidade para o tramo final da Liga Feminina 2, tendo en conta que as catro primeiras prazas afastáronse considerablemente.

Na cancha do Baloncesto Feminino Aragón o Arxil atoparase a un equipo que só suma catro triunfos esta tempada pero todos eles no seu pavillón, onde aumentan o seu rendemento cun xogo no que prima a intensidade defensiva.

Compoñen a convocatoria do Arxil: Yanique Gordon, Ana Román, María Lago, Carla, María Centeno, Sandra, Cristina Díaz-Pache, Ana Martín e Fany López.