O Céltiga renuncia a competir esta tempada "dada a angustiosa situación sanitaria"

O Salnés
22 de decembro 2020

O club da  Illa anunciou que a decisión de non inscribir a ningún dos seus equipos, incluído o sénior masculino que milita en Preferente, para a tempada 2020-2021, que no fútbol autonómico ten previsto o seu comezo no principio do ano

Partido de liga entre el Céltiga CF y el Pontevedra B
Partido de liga entre el Céltiga CF y el Pontevedra B / Diego Torrado

Despois de diversas reunións e conversas con outros clubs, o Céltiga FC anunciou a súa decisión de renunciar á tempada 2020-2021.

Así o confirmou a entidade da Illa nun comunicado xustificando a súa decisión na postura de "antepoñer a saúde dos nosos familiares e conveciños, por encima dos intereses deportivos ou económicos do Club, dada a angustiosa situación sanitaria que se está a producir nestes momentos e máis directa e concretamente na Illa de Arousa", cunha incidencia acumulada nos últimos días que rolda os 1.200 casos de Covid por 100.000 habitantes.

Trátase do primeiro gran club da comarca que adopta esta decisión, o que afecta a todos os seus equipos, incluído o sénior masculino que esta campaña ía disputar a competición de Preferente que ten previsto o seu inicio no principio do ano co resto de competicións autonómicas.

Desde o Céltiga sosteñen que a previsión con respecto á incidencia da pandemia para os próximos meses "non é compatible co inicio dunha competición non profesional, e onde o protocolo esixido pola  RFGF queda en mans das posibilidades, do grao de aplicación e seguimento e do bo facer dos Clubs e os seus respectivos directivos", explica.

A entidade deportiva mostra no seu escrito o apoio á decisión do Concello da Illa de Arousa de clausurar todas as instalacións deportivas municipais.

Doutra banda, conscientes de que a súa retirada pode supoñer todo un terremoto no balompé autonómico, "o Céltiga, F. C. non pretende con esta decisión, crear nin xerar ningún tipo de controversias ou enfrontamentos cos demais clubs nin coa RFGF, pero se deixar constancia do seu dereito para decidir por parte dos seus responsables, baseándose no sentido común, da responsabilidade e a solidariedade cos demais, aínda que isto poida conlevar a posteriores demandas e sancións. Non pretende tampouco ser o abanderado de ningún movemento, nin tan sequera un exemplo para seguir, o que queremos é un fútbol, seguro e san", defenden na súa explicación.

Por último o club arousán quixo "animar aos demais clubs para solidarizarse co conxunto da sociedade e antepoñer as nosas ansias e ganas de reiniciar o noso fútbol local, para pospoñelo de fronte ao próximo verán, onde e segundo os expertos, tras a vacinación progresiva desde inicios de ano, nos atopemos nunha situación bastante máis segura para todos", conclúe o Céltiga.