O Teucro move ficha. Pendente aínda do seu futuro, o club pechou a fichaxe da súa primeira incorporación para a próxima tempada. Trátase do central vigués Borja Méndez, que chega procedente do Academia Octavio.
O xogador, de tan só 20 anos, militará no equipo pontevedrés as dúas próximas tempadas.
"É un dos xogadores galegos máis prometedores. É intelixente, é moi maduro para o novo que é e é un central que ademais de facer xogar, ten gol", explica Quique Domínguez deste central, formado na canteira do Lavadores.
Borja Méndez chegou ao Academia Octavio no verán de 2014 e fixo dúas grandes tempadas en División de Honra Prata vestindo a camiseta do conxunto vigués.
De feito as súas actuacións valéronlle para ser internacional con España en categoría xuvenil, coa que o pasado verán disputou o Mundial de Rusia, no que o combinado nacional finalizou en cuarta posición.
O central galego chega á SD Teucro tras unha tempada na que foi o oitavo máximo goleador da División de Honra Prata con 147 goles en 30 partidos.