O central Borja Méndez, primeira fichaxe do Teucro para a próxima tempada

Pontevedra
16 de xuño 2016

O Teucro move ficha. Pendente aínda do seu futuro, o club pechou a fichaxe da súa primeira incorporación para a próxima tempada. Trátase do central vigués Borja Méndez, que chega procedente do Academia Octavio

Borja Méndez (á esquerda co número 6), nun partido contra o Teucro Diego Torrado

O Teucro move ficha. Pendente aínda do seu futuro, o club pechou a fichaxe da súa primeira incorporación para a próxima tempada. Trátase do central vigués Borja Méndez, que chega procedente do Academia Octavio.

O xogador, de tan só 20 anos, militará no equipo pontevedrés as dúas próximas tempadas.

"É un dos xogadores galegos máis prometedores. É intelixente, é moi maduro para o novo que é e é un central que ademais de facer xogar, ten gol", explica Quique Domínguez deste central, formado na canteira do Lavadores.

Borja Méndez chegou ao Academia Octavio no verán de 2014 e fixo dúas grandes tempadas en División de Honra Prata vestindo a camiseta do conxunto vigués.

De feito as súas actuacións valéronlle para ser internacional con España en categoría xuvenil, coa que o pasado verán disputou o Mundial de Rusia, no que o combinado nacional finalizou en cuarta posición.

O central galego chega á SD Teucro tras unha tempada na que foi o oitavo máximo goleador da División de Honra Prata con 147 goles en 30 partidos.