O centrocampista Hugo Rodríguez, novo xogador do Pontevedra

Pontevedra
29 de xaneiro 2016

Trátase dun futbolista que adoita actuar de interior na banda esquerda aínda que pode xogar de segundo punta. Procede do Cádiz, do Grupo IV de Segunda B. Será presentado o vindeiro luns 1 de febreiro

Hugo Rodríguez durante unha rolda de prensa do Cádiz
Hugo Rodríguez durante unha rolda de prensa do Cádiz

O Pontevedra Club de Fútbol confirmou este venres a fichaxe dun novo futbolista, Hugo Rodríguez Romero, a súa terceira incorporación no mercado invernal.

Con todo non se trata do ansiado dianteiro, senón dun futbolista que adoita xogar no interior zurdo, aínda que pode actuar tamén de falso 9.

Hugo procede do Cádiz, equipo do Grupo IV de Segunda B, club ao que chegara procedente de La Hoya Lorca no pasado mercado de inverno e do que se desvinculou hai poucos días.

Esta tempada o futbolista, de 26 anos e natural de Jerez de la Frontera, xogou 15 partidos entre liga e Copa do Rei, 12 deles de titular anotando tres tantos.

Segundo informou o club granate, a súa presentación oficial terá lugar o vindeiro luns 1 de febreiro no Estadio Municipal de Pasarón.