O CGTD acolle a sesión de primeiros auxilios do curso de adestradores deportivos nivel 1 de boxeo e karate

Pontevedra
11 de xullo 2020

27 alumnos das federacións galegas de boxeo e karate formáronse durante 10 horas de prácticas sobre a valoración inicial de accidentados, técnicas de soporte vital básico, protocolos de seguridade e primeiros auxilios

Xornada de formación da Escola Galega do Deporte no CGTD
Xornada de formación da Escola Galega do Deporte no CGTD / Secretaría Xeral para o Deporte

Unha semana despois de acoller as primeiras sesións prácticas do bloque común de adestradores deportivos nivel I que organiza o Centro Público Escola Galega do Deporte, o Centro Galego de Tecnificación Deportiva volveu acoller novas sesións de primeiros auxilios aplicadas á práctica deportiva, neste caso para 27 alumnos das federacións galegas de boxeo e karate. 

Os alumnos formáronse nestas 10 horas de prácticas sobre a valoración inicial de accidentados, técnicas de soporte vital básico, protocolos de seguridade e primeiros auxilios.

Nas sesións matutinas, traballaron sobre a dinámica de accidente de autobús para triaxe, reanimación cardiopulmonar (RCP), manexo de desfibrilador e obstrución vía aérea.

Pola súa quenda, nas sesións vespertinas estudaron as lesións do aparato locomotor, práctica de vendaxes, contido do botiquín, así como o resto de actuacións para tratar feridas, hemorraxias, asma, diabetes, queimaduras... Respectando en todo momento as normas establecidas para a Covid-19 (máscaras, distancia de seguridade ou xel).

Tras os cursos das federacións deportivas galegas de halterofilia e remo, e de boxeo e karate, o sábado 18 tocaralle aos alumnos de kickboxing, loita e taekwondo.