O CGTD acolle este domingo o campionato autonómico de marcha

Pontevedra
19 de novembro 2020

Os atletas pontevedreses Antía Chamosa e Daniel Chamosa parten como os principais favoritos para revalidar o título de campións galegos nos 5.000 metros marcha dun  veneto que comezará ás 9.45 horas e poderá seguirse en directo pola canle de Youtube da Federación Galega de Atletismo

Antía Chamosa, na 31 edición do Campionato de Galicia de Marcha en Ruta en Marín
Antía Chamosa, na 31 edición do Campionato de Galicia de Marcha en Ruta en Marín / Diego Torrado

O Campionato de Galicia de Marcha en Pista celebrarase este domingo no Centro Galego de Tenificación Deportiva coa presenza dun centenar de marchadores. A proba comezará ás 9.45 horas, con acceso restrinxido ao público e unhas escrupulosas medidas de seguridade, e poderá seguirse a través da canle de Youtube da Federación Galega de Atletismo. 

Esta edición contará a presenza destacada da internacional e campioa de España absoluta, Antía Chamosa, quen tomará parte na proba dos 5.000 metros. O seu obxectivo será o de sumar o seu sexto título autonómico da modalidade e empatar con Eva Iglesias, gañadora nos anos 2004, 2005,2010, 2011,2013 e 2015.

A encargada de disputarlle a hexemonía á pontevedresa será a sub 20 Iria Rivas, actual medalla de bronce no nacional de roteiro deste ano en Torrevieja

No cadro masculino, Daniel Chamosa parte tamén como favorito a sumar o seu quinto título autonómico e achegarse a só un  trofeo dos seis que ostenta Jorge Ignacio Silva. Xunto ao marchador pontevedrés, parte tamén como un dos favoritos, o subcampión mundial e campión europeo máster Iván Morais, que xa gañou este campionato no 2018.

Ademais da categoría absoluta, disputaranse as medallas das categorías sub 12, sub 14, sub 16 e sub 18 tanto femininas como masculinas.

Antes do inicio do campionato, a organización gardará un minuto de silencio en memoria do primeiro medallista olímpico do atletismo español, Jordi Llopart; e do adestrador lucense Mariano Castiñeira.