O Grupo Deportivo Supermercados Froiz acaba de iniciar a súa 34º tempada dentro do pelotón ciclista nacional elite e sub-23, o que lle mantén como a segunda escuadra máis lonxeva de España tras o Café Baqué. Toda unha demostración de aposta polo deporte da bicicleta mantido no tempo, desde que Evaristo Portela propuxo a Magín Froiz estampar o logotipo da empresa de alimentación na camisola do seu equipo de ciclocrós.
Máis de tres décadas despois daquilo e convertido no mellor equipo ciclista nacional afeccionado por palmarés, o Supermercados Froiz chora este xoves 10 de marzo o falecemento do seu patrón, Magín Froiz.
"Non temos palabras para este momento. Foise o fundador de todo, do equipo ciclista, da empresa Supermercados Froiz, un home que non lle cabía o corazón no peito, bondadoso ata ninguén saber canto", sinalou o equipo ciclista a través das súas canles de comunicación oficiais.
Unha perda que "nos deixa un gran baleiro", conclúen despedindo a unha figura moi importante no mundo do deporte pontevedrés.