O Cisne, a por todas como local nun sector do Nacional Xuvenil "complicado"

Pontevedra
12 de maio 2021

O club pontevedrés buscará meterse entre os oito mellores equipos de España, para o que deberá superar a Bidasoa, Finetwork Gijón e Abanca Ademar de León. O aforo no Municipal será de 500 espectadores, con sectores diferenciados para as afeccións de cada un dos equipos participantes

Santi Picallo e Tino Fernández presentan o sector do Campionato de España Xuvenil de Balonmán
Santi Picallo e Tino Fernández presentan o sector do Campionato de España Xuvenil de Balonmán / PontevedraViva

O Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra acollerá o venres 14, sábado 15 e domingo 16 de maio un dos sectores do Campionato de España Xuvenil de Balonmán, e alí estará o Club Cisne na busca de meterse na fase final á que acceden só os oito mellores equipos do país.

"É un sector complicado", recoñeceu na presentación do evento o presidente do club, Santi Picallo, e é que como rivais o Cisne terá ao Finetwork Gijón, unha canteira de prestixio como o Bidasoa e a un Abanca Ademar de León que "é un gran equipo, cunha xeración que foi terceira no Campionato de España Cadete de Pontevedra, onde os nosos foron sétimos", explica o dirixente.

Só o primeiro dos catro equipos accederá á fase final, tras unha liguiña a volta única.

O evento desenvolverase nun Pavillón Municipal que contará cun aforo máximo de 500 espectadores e división en sectores para separar a cada unha das afeccións presentes. Cada equipo dos visitantes contará con 70 entradas á súa disposición, estando o resto dispoñibles para a afección pontevedresa.

A acción dará comezo o venres ás 18.00 horas co partido entre Ademar e Gijón, quedando para as 20.00 horas o choque entre o Cisne e o Bidasoa. A xornada de sábado pola súa banda xogaranse ás 10.30 horas o Ademar-Bidasoa e ás 12.30 o Cisne-Gijón, mentres que pecharán en sector o domingo ás 10.00 o Bidasoa-Gijón e ás 12.00 o Cisne-Ademar.

Na presentación do campionato o concelleiro de Deportes de Pontevedra, Tino Fernández, trasladou ánimos ao Cisne e sinalou que acoller esta cita demostra que "imos recuperando aos poucos a normalidade deportiva, e eso supón traer á cidade eventos de nivel como este"