O Cisne, a recuperar o paso nunha saída "das máis complicadas que hai" na tempada

Pontevedra
06 de outubro 2023

O club pontevedrés visita este sábado 7 de outubro (18.30 horas) a pista do Barcelona B, un filial cheo de talento pero que esta tempada aínda non terminou de carburar do todo sumando 2 de 6 puntos posibles ata a data

Partido de liga entre Cisne e Ubu San Pablo Burgos no Municipal Cristina Saiz

Primeira das saídas que deberá afrontar o Club Cisne Balonmán no viaxeiro mes de outubro que lle espera.

O club pontevedrés visita este sábado 7 de outubro (18.30 horas) unha das pistas que "todos os anos é das máis complicadas que hai", a do Barcelona B.

O filial blaugrana é un conxunto con "moitísimo talento novo, con moitos integrantes da selección que acaba de ser campioa do mundo xuvenil", xogadores que "veremos en equipos de competición europea os próximos anos", asegura o segundo adestrador cisneísta, Quiños.

Recuperar o paso tras a derrota da pasada fin de semana contra o Burgos é o obxectivo dos de Jabato, fronte a un Barcelona que esta tempada aínda non terminou de carburar de todo sumando 2 de 6 puntos posibles ata a data.

O Cisne espera neste encontro "sobre todo moito ritmo. É un partido que vai haber moitas transicións, imos ter que estar moi ben no repregamento e en defensa, moi ben en case todas as facetas de xogo", analiza o técnico pontevedrés sobre un choque que augura como "complicadísimo".