O Cisne, ante o reto de defender o seu título nacional xuvenil: "Favoritos? Xogamos na casa e temos un bo equipo"

Pontevedra
18 de abril 2022

O conxunto pontevedrés presentou este luns o Sector Nacional do Campionato de España Xuvenil que organizará como local a próxima fin de semana no Pavillón Municipal e no que se xogará o seu pase á fase final á que acceden os oito mellores equipos do país

Presentación do Sector Nacional do Campionato de España Xuvenil de balonmán que organizará o Cisne en Pontevedra
Presentación do Sector Nacional do Campionato de España Xuvenil de balonmán que organizará o Cisne en Pontevedra / PontevedraViva

Repetir a xesta de 2021, na que se proclamou Campión de España Xuvenil vencendo ao todopoderoso Barcelona na gran final, é case unha quimera para o Club Cisne Balonmán, pero o equipo pontevedrés aspira de novo a meterse entre as oito mellores canteiras do país accedendo á fase final da competición.

Para iso deberá impoñerse no Sector Nacional que organizará como local a próxima fin de semana, desde o venres 22 ata o domingo 24 de abril, e que foi presentado oficialmente este luns.

"Favoritos? Xogamos na casa e temos un gran equipo", defendeu o presidente cisneísta, Santiago Picallo, dando valor ao que "está a significar o Cisne a nivel de base" nos últimos anos, con presenza habitual nas fases finais e medallas nacionais.

"Entrar entre os oito mellores de España sería un éxito enorme", asegurou á súa vez o edil de Deportes, Tino Fernández.

En todo caso "vai ser un grupo moi complicado", avanza Picallo sobre uns rivais que serán o Abanca Ademar de León, o Ereintza Aguaplast e o Finetworx BM Gijón.

O sector nacional, que se celebrará no Pavillón Municipal dos Deportes de Pontevedra, contará cos seguintes partidos:

  • Venres 22 de abril:
    • Ademar León - Gijón (18.00 horas)
    • Cisne - Ereintza (20.00 horas)
  • Sábado 23 de abril
    • Ademar León - Ereintza (10.30 horas)
    • Cisne - Gijón (12.30 horas)
  • Domingo 24 de abril
    • Ereintza - Gijón (10.00 horas)
    • Cisne - Ademar León (12.00 horas)