O Cisne recibiu esta fin de semana ao Zamora no Centro Galego de Tecnificación Deportiva co obxectivo de prolongar a boa serie conseguida ata este momento.
O xogo rápido e os lanzamentos precipitados foron os protagonistas do primeiro tempo, que comezou co Cisne mandando no marcador logrando unha primeira diferenza de 3 goles aos 6 minutos de partido. O Zamora reaccionou e conseguiu un parcial de dous goles, pero os erros de ambos os equipos provocaron que o marcador non se movese durante os seguintes 5 minutos.
A seca goleadora rompeuna o Zamora para empatar o partido (5-5) e iniciar unha dinámica de igualdade na que o Cisne marcaba e o seu rival respondía con outro tanto. Quedaba un minuto e os de Jabato fallaron o seu ataque, que automáticamente foi respondido cun ataque rápido a favor do conxunto visitante que acabou con falta en defensa no momento que soou a bucina. O Zamora non desaproveitou a oportunidade e mandou o balón á rede para poñerse por diante por primeira vez en todo o encontro e chegar ao descanso cun resultado de 13-14.
Tras o descanso, o Cisne optou por un xogo máis posicional reducindo o ritmo nos ataques con xogadas máis marcadas, grazas ás cales volveu dar a volta ao marcador. Con todo, os contragolpes do Zamora e a dificultade dos brancos en replegar en defensa, volvían poñer aos visitantes por diante cando se cumpría o minuto 10 da segunda metade (19-20).
Co partido igualado, chegábase aos últimos minutos e, como vén sendo habitual, o Cisne aproveitou a inestabilidade do seu rival e anotou os seus tres últimos lanzamentos para chegar ao final do partido cun 27-24 e deixar os 2 puntos en Pontevedra.
Consulta as estatísticas do Cisne-Zamora na seguinte ligazón.