Ademar León e Cisne verán as caras este mércores a partir das 20 horas nun duelo no que ambos os dous conxuntos necesitan a vitoria para manter viva a esperanza de lograr os obxectivos marcados a principio de tempada. Os pontevedreses, despois de encaixar dolorosas derrotas diante de rivais directos como Cangas ou Nava, encoméndanse a un milagre para conseguir a permanencia. Os leoneses, pola súa banda, buscan reconducir o rumbo nunha errática segunda volta que se viu agravada por un gromo de covid-19 no vestiario.
"Veñen dunha serie un pouco mala, saíron de confinamento o luns pasado, tiveron que xogar unha eliminatoria exprés en Suecia e perderon os dous partidos e logo perderon Cangas", explica o segundo adestrador pontevedrés Quiños, quen non sabe se esta situación será beneficiosa para os seus. "Non se se é bo ou malo porque aínda que veñan dunha mala serie son un gran equipo e un gran plantel", asegura.
Trátase dun equipo "novo e de moito talento" que se caracteriza por "defensas súper intensas e saídas ao contragolpe con frechas como Jaime e Gonzalo Pérez".
As balas no cargador da permanencia estánselle esgotando aos brancos que deixaron escapar dúas oportunidades de ouro para reengancharse á carreira pola salvación. Agora tratarán de pescar nas augas revoltas que baixan por León conscientes de que un novo tropezo pode supoñer o adeus case definitivo ao soño de Asobal.