A paradisiaca contorna da praia de Menduíña, en Cangas do Morrazo, foi o escenario elixido pola Federación Galega de Balonmán para presentar as diferentes competicións de Copa e Supercopa Galicia 2022 que se celebrarán no pavillón desta localidade, O Gatañal, entre o 26 e o 28 de agosto.
En presenza de representantes da Xunta, a Deputación e o Concello, o presidente en funcións do ente federativo, Bruno López, lembrou o cambio de formato realizado hai dous anos con esta competición para "poñer en valor o balonmán galego".
Dous anos despois, o balance non pode ser máis positivo. "Temos claro que a Copa e Supercopa Galicia é a mellor competición do balonmán galego e unha dás máis vistosas a nivel nacional", asegura o dirixente, destacando a participación de equipos masculinos e femininos das principais categorías do balonmán nacional e autonómico.
A competición comezará o venres coa disputa das semifinais da Copa Galicia masculina, seguirá o sábado coas semifinais da Copa Galicia feminina e da Supercopa Galicia masculina e terminará o domingo coas finais das dúas copas e as dúas supercopas. En total, participarán 12 clubs en dez partidos repartidos en tres xornadas.
No que afecta o Club Cisne, os brancos debutarán en semifinais da Supercopa masculina o sábado ás 17 horas fronte ao Novás de División de Honra Prata. Na outra semifinal enfróntanse o Frigoríficos do Morrazo co BM Lalín. Os gañadores veranse as caras o domingo na final prevista para as 19 horas.
Nas outras competicións, destaca a participación do Bueu Atlético Balonmán, que se medirá o venres ás 21 horas, ao BM Porriño na segunda semifinal da Copa Galicia masculina. Mentres que na Copa Galicia feminina, o Asmúbal Meaño loitará por un posto na final co BM Porriño nun partido previsto para o sábado ás 11 horas.
A SD Teucro non está nesta fase final por ter caído na fase previa da Supercopa Galicia diante do Lalín
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.