O Cisne cadete segue os pasos do equipo xuvenil e cóase entre os 8 mellores de España

Pontevedra
21 de maio 2018

O conxunto pontevedrés meteuse na fase final do Campionato de España da categoría e medirase ás mellores canteiras do país, completando unha tempada histórica para a base do club

O Cisne cadete celebra o seu pase á fase final do Campionato de España
O Cisne cadete celebra o seu pase á fase final do Campionato de España / Club Cisne Balonmano

O Club Cisne Balonmano está a vivir en 2018 un ano histórico para as súas categorías inferiores. Se recentemente o seu equipo xuvenil lograba unha incrible medalla de bronce no Nacional da súa categoría, agora é a quenda do conxunto cadete.

O conxunto pontevedrés seguiu os pasos dos xuvenís e coouse entre os 8 mellores equipos do país, ou o que é o mesmo, clasificouse para a fase final do Campionato de España.

Fíxoo de maneira brillante despois de liderar con pleno de vitorias o seu sector, celebrado en Nava de la Asunción.

O Cisne comezou a competición vencendo na primeira xornada o Zarautz (35-30), repetindo un día despois ante o BM Astillero (34-22). Tamén o equipo local, o BM Nava, chegaba invicto á xornada final, polo que o vencedor lograría o pase á fase final. 

Así, nun encontro de gran intensidade os pontevedreses impuxéronse ao equipo local e ao ambiente do frontón de Nava para gañar 32-36 e reclamar o seu  pedacito de gloria na histórica tempada das categorías de base cineístas.

Agora chegará a quenda do gran reto, unha fase final que o Cisne solicitará organizar en Pontevedra e no que participarán tamén o FC Barcelona, BM  Granollers,  kasa Madrid, Ademar León, BM Villaverde, Club Córdoba Balonmano e BM Alcobendas.