O Cisne cae con orgullo ante un Valladolid superior (25-30)

Pontevedra
24 de abril 2021

Complícase a permanencia en Liga Asobal para o Dicsa Modular Cisne que, a pesar de mostrar boa imaxe por momentos, caeu con claridade ante o Valladolid. O equipo castelán-leonés, formou un fortín baixo paus coa figura de Carlos Calle, que se converteu nun auténtico pesadelo para os xogadores brancos

Partido da Liga Asobal entre Cisne e Atlético Valladolid no Municipal
Partido da Liga Asobal entre Cisne e Atlético Valladolid no Municipal / Cristina Saiz

Complícase a permanencia en Liga Asobal para o Dicsa Modular Cisne que, a pesar de mostrar boa imaxe por momentos, caeu con claridade ante o Valladolid. O equipo castelán-leonés formou un fortín baixo paus coa figura de Carlos Calle, que se converteu nun auténtico pesadelo para os xogadores brancos.

Aínda que saíu ben o equipo pontevedrés, indo por diante no marcador durante os primeiros minutos de encontro, foi o equipo visitante o que se puxo ao mando nun visto e non visto, dando a volta ao marcador para truncar as esperanzas de vitoria da afección do Pavillón Municipal (min. 10, 4-8).

Jabato parou o tempo coa intención de mellorar a situación un Cisne que reapareceu por momentos para reducir distancias. Con todo, cada vez que había unha reacción local, o Valladolid daba un golpe sobre a mesa e aumentaba a súa renda. Sobre todo nos últimos instantes do primeiro acto, cando Nekrushets e Pablo González fallaron nos seus respectivos lanzamentos e os casteláns colocaron o 11-17 co que se alcanzou o descanso.

Tras o intermedio, o Cisne sacou garra e fíxose forte en defensa, conseguindo reducir distancias aos cinco minutos de xogo (14-18). Aguantaron o tipo os de Pontevedra, disputando os mellores minutos do encontro que, aínda que non lles permitiron obrar a remontada, si mantiveron a pequena diferenza de catro goles.

Polo menos así foi ata o minuto 20. Pero o Valladolid, que aínda tiña fol para longo, endosou tres ataques consecutivos cos que, esta vez si, deixaba sentenciado o partido (21-28).

Mantivo o ferrollo na portería Villamarín durante seis minutos, impedindo o gol valisoletano. Picallo, Pombo e Gayoso volvían aparecer para o Cisne, acurtando de novo o marcador pero sen tempo para moito máis (25-28).

Quedaban tres minutos e apagáronse os de Pontevedra en ataque. Pola súa banda, o Valladolid anotou por partida dobre para colocar o 25-30 co que concluíu o encontro.

Consulta as estatísticas do Dicsa Modular Cisne- Recoletas Valladolid