O Cisne di adeus á Copa do Rei superado polo Ángel Ximénez (24-32)

Pontevedra
08 de novembro 2022

A aventura do Club Cisne Balonmán na Copa do Rei 22-23 acabou ao primeiro de vez, ao caer este martes no Pavillón Municipal dos Deportes fronte a un rival da máxima categoría, o Ángel Ximénez de Puente Genil

Partido de Copa do Rei entre Cisne e Ángel Ximénez
Partido de Copa do Rei entre Cisne e Ángel Ximénez

A aventura do Club Cisne Balonmán na Copa do Rei 22-23 acabou ao primeiro de vez, ao caer este martes no Pavillón Municipal dos Deportes fronte a un rival da máxima categoría, o Ángel Ximénez de Puente Genil.

Consciente do terrible calendario que vén por diante na Liga Asobal, unido aos problemas de efectivos que arrastra o seu equipo desde hai varias semanas, Javier Márquez apostou por dar descanso de inicio a varias das pezas clave do equipo pontevedrés como o seu máximo goleador, Álex Chan, ou o extremo Carlos Álvarez. 

Non por esa circunstancia en especial pero o Cisne comezou frío o encontro, e o seu rival aproveitouno para poñer terra polo medio cun impoñente parcial de 0-5 ao seu favor que obrigaba o técnico para gastar un tempo morto cando só transcorreran 4 minutos de xogo.

Tardou xusto 5 minutos o conxunto local en estrear o seu marcador, cun tanto de André De Moura, pero a ferida seguía aberta encadeando imprecisións unidas á boa actuación do porteiro do Ángel Ximénez, Henrik Nordlander, para poñer o 1-7 no electrónico.

Aos poucos o Cisne empezou a entrar no partido, e pasado o minuto 10 empezou a recortar distancias mesmo cunha dobre inferioridade na súa contra. Tres goles consecutivos de Pombo e outro máis de Javi Vázquez desde os 7 metros supoñían o 6-9, aínda que os de Puente Genil controlaban a súa vantaxe e con pequenos aceleróns mantiñan sen problemas a iniciativa.

Non axudaba ao Cisne o seu pouco acerto nos penaltis (1 de 4 no primeiro tempo), e aínda así tras dúas intervencións seguidas de Franzini conseguían reducir a dous (11-13) cun tanto de Chapela en penetración. Parecía que empezaba outro partido pero o cadro visitante non estaba polo labor de ceder terreo, chegándose ao descanso cun marcador de 14 a 17.

Na continuación os locais saíron coa intención de meterse de cheo na pelexa por pasar a eliminatoria, acurtando a súa desvantaxe ata en tres ocasiones aos dous goles (17-19). Non permitiu máis o seu rival, que cada vez que o Cisne achegábase volvía pisar o acelerador. Foi así ata que un parcial de 0-4 terminou por romper o partido. O Ángel Ximénez abría unha brecha que se ampliaba ata o 18-24 que obrigaba de novo a Javier Márquez a parar o crono.

Fataban por diante aínda 19 minutos, tempo suficiente para seguir tentándoo. O que non quedaba xa era frescura nas pernas para conseguilo, en gran medida tamén porque o conxunto visitante non deu pé a que se producise, disparouse ata os 9 goles de vantaxe (20-29) e terminou levando de volta para Andalucía con claridade a clasificación para a seguinte rolda. Ao Cisne pola súa banda quédalle agora centrarse no importante, pelexar a permanencia na Liga Asobal centrando todos os seus esforzos e recursos niso.

Consulta aquí a acta do partido de Copa do Rei entre Club Cisne Balonmán e Ángel Ximénez de Puente Genil.