O gafe do Cisne non ten fin: Iván Calvo deberá pasar polo quirófano

Pontevedra
09 de novembro 2022

O xogador cisneísta, que se lesionou a finais de setembro na cuarta xornada de liga en León, non experimenta a evolución esperada e deberá operarse, o que prolongará a súa baixa ata despois do parón polo Mundial

Iván Calvo nun adestramento do Cisne no Pavillón Municipal dos Deportes
Iván Calvo nun adestramento do Cisne no Pavillón Municipal dos Deportes / Mónica Patxot

O mal fario persegue o Club Cisne na que a segunda tempada da súa historia na máxima categoría nacional, a Liga Asobal.

O club pontevedrés está a competir co xusto debido á praga de lesións que arrasa ao seu plantel, e que parece por momentos non ter fin. Nesta ocasión non se trata dunha nova ausencia, pero as novas ao redor da doenza muscular que arrastra Iván Calvo non son boas.

Máis dun mes despois de caer lesionado na cuarta xornada do campionato en León, o especialista defensivo pasou esta semana revisión médica comprobándose que non evolucionou como se esperaba. Por iso, a única opción para superar o forte racho muscular na súa perna, con afectación ósea, é unha operación para a que xa se busca data.

Será a cuarta intervención cirúrxica dun xogador do Cisne esta campaña. O primeiro en pasar por ese transo foi Román Arboleya, cunha rotura nunha falanxe da man, despois foi Marko Ojeda o que sufriu unha rotura do ligamento cruxado do seu xeonllo e por último Gabriel Cavalcanti pasou por quirófano debido a unha fractura nos ósos do nariz.

No caso de Iván Calvo, con este contratempo, non volverá xogar este ano, sendo o seu obxectivo volver estar dispoñible para a volta en febreiro da Liga Asobal tras o parón polo Mundial.

Un problema engadido por tanto para Javier Márquez, que sen Calvo e Cavalcanti viu como o seu equipo resentiuse nas últimas datas sobre todo a nivel defensivo.