O Club Cisne Balonmán segue collendo rodaxe para a nova tempada en Liga Asobal co seu segundo partido de pretemporada.
Os de Javier Márquez volveron medirse a un equipo portugués, neste caso o ABC de Braga, nun duelo do todo intenso e cun ritmo moi alto no que ambos os equipos deron un recital ofensivo.
Dominou o Cisne ao descanso por un gol de diferenza tras unha primeira parte na que tocou sufrir, sobre todo nos primeiros minutos, onde a potencia física e a envergadura dos xogadores rivais complicaron as cousas aos brancos, que tiñan problemas nos un contra un.
Con todo, co paso dos minutos os cisneístas fóronse adaptando e entrando en dinámica de xogo e pechando a defensa para frear o ritmo do ABC e ir 18-19 ao descanso.
Tras o paso polos vestiarios, os locais fixeron o propio e devolveron o golpe empatando finalmente 35-35, aproveitando o cansazo e as poucas rotacións no Cisne.
Javier Márquez destacou ao finalizar o duelo que saca "conclusións positivas", como o atacar contra unha defensa 5-1 "que tamén nos vén ben!". Foi un partido "duro desde o punto de vista físico e desde o táctico temos que seguir complementando o modelo de xogo que necesitamos", valorou.