O Cisne empata en Vigo (30-30) e defenderá a permanencia na última xornada ante BM La Roca

Pontevedra
14 de maio 2016

O empate, unido á derrota do BM La Roca na súa pista fronte ao BM Nava, deixa a permanencia a expensas do que suceda o vindeiro sábado, no CGTD, nun partido no que quen gañei conseguirá salvarse, e o outro perderá a categoría

Carlos Pombo no partido entre Cisne e Academia Octavio no Municipal Diego Torrado

Hai empates con sabor a derrota e outros cun valor incalculable. É o caso do obtido polo Cisne en Vigo, nun partido a vida ou morte, ante un descendido Academia Octavio, que non regalou absolutamente nada e que tivo contra as cordas aos de Nano Martínez, que lograron a igualada a escasos segundos do final ao tranformar un penalti Guille Rial, o que unido á derrota do BM La Roca na súa pista fronte ao BM Nava, deixa a permanencia a expensas do que suceda o vindeiro sábado, no CGTD, nun partido no que quen gañei conseguirá salvarse, e o outro perderá a categoría.

Nervios, alternativas, erros graves. De todo houbo no Municipal das Travesas. Academia Octavio tivo gañado o partido, o mesmo que o Cisne, que remontou nunha gran segunda parte, pero que a punto estivo de pagar moi caro un erro do seu banco, cando mandaba por dous de vantaxe, ao realizar mal un cambio, o que lle deixou cun home máis en pista, custándolle a exclusión e permitindo que os de Jabato volvesen tomar a dianteira.

Os vigueses, sabéndose descendidos, xogaron coa tranquilidade e co único obxectivo de tentar gañar por máis de dous goles ao Cisne, para superarlles na táboa e esperar unha hipotética carambola, en caso dalgún problema administrativo dalgún rival que lle permita manter a categoría nos despachos. Co Cisne moi nervioso e sen pechar ben o seu defensa, o Octavio mandou durante os primeiros 30 minutos, chegando a dispoñer dunha máxima renda de cinco goles (13-8), no minuto 18.

Ese foi o momento do espertar pontevedrés. Un parcial de 0-4 metía ao Cisne no partido, e aínda que o Octavio aguantaba, Carlos Pombo, co reloxo a cero, lograba nun lanzamento directo poñer o marcador nun mínimo 15-14, ao descanso.

A segunda metade non foi apta para cardíacos. O Cisne poñíase por primeira vez con vantaxe (19-20) no minuto 35, cun gol de Álex Chan. A partir de aí as igualadas e vantaxes mínimas sucederíanse, ata que a falta de oito minutos dous goles consecutivos de Guille Rial poñían aos pontevedreses con dous arriba (26-28).

O partido parecía encarrilado, cun Octavio que non atopaba posicións fáciles de lanzamento para inquietar a Juanjo Novás. Pero un erro nun cambio fixo que o Cisne puxese en pista a oito xogadores. A mesa advertiu aos colexiados, que excluíron a Guille Rial.

Apoiado na sensacional actuación de García Lloria baixo paus, o Octavio deu a volta e cun parcial de 4-0 púxose 30-28. Agora parecía que o partido se lle escapaba ao Cisne, pero apareceu a experiencia de Rafa Dasilva para reducir e logo Álex Chan, a falta de 15 segundos, forza un penalti que transforma Guille Rial no definitivo 30-30, sen que os vigueses puidesen aproveitar o seu último ataque para volver marcar.

Consulta aquí o acta do partido.