O Cisne loita ata o final pero cae no último minuto ante o Villa de Aranda (30-26)

Pontevedra
06 de abril 2019

Aínda co resultado negativo para os pontevedreses no Príncipe de Asturias de Aranda de Duero, estes teñen a permamencia asegurada en División de Honra Prata

Andrés Sánchez no partido do Cisne ante o Villa de Aranda
Andrés Sánchez no partido do Cisne ante o Villa de Aranda / Diego Torrado

O Cisne chegou esta fin de semana a Burgos coa esperanza de seguir ampliando o seu bo momento, tras dúas vitorias consecutivas e a salvación no peto. Con todo, o Villa de Aranda fixo do pavillón Príncipe de Asturias un fortín, como vén sendo habitual durante esta segunda volta.

A pesar de que a primeira posesión do partido fose para o Cisne, Edu Moledo (ex xogador teucrista), anotou o primeiro gol do encontro. Segundos despois, Álvaro Preciado faría o seu. Comezaba, así, o que sería unha primeira parte moi igualada, onde ningún dos dous conxuntos  logaría distanciarse significativamente en  ningún momento.

O galego atopou en Ramos o seu mellor arma (fantástico partido do pivote lalinense con 7 tantos). Con todo, cando no 12' puideron coller vantaxe tras dúas exclusións locais, non foron suficientemente contundentes como para poñerse por diante no electrónico. As táboas permanecerían presentes, por tanto, ata a chegada do descanso (14-14).

O comezo do segundo tempo foi lixeiramente negativo para os galegos. Situaríanse 3 tantos por detrás, tras unha exclusión temperá. A pesar diso, Álex Chan (7), botouse o equipo ás costas e non permitiu que os burgaleses se escapasen no marcador.

Resaltar, tamén, a gran actuación de Jorge Villamarín. O novo porteiro do cadro pontevedrés converteuse nun auténtico muro durante todo o choque

Con todo, non se resolvería o partido ata o último tramo, que foi determinante. Os de Jabato tiveron o empate e, mesmo, a posibilidade de levar os dous puntos ata o último minuto. Con 2 goles de desvantaxe, erraron un sete metros que lles permitiría poñerse a un. Mala sorte que aproveitarían os locais para anotar a continuación e, co encontro xa resolvido, aumentar a renda ata o final (30-26). Resultado algo avultado se nos baseamos no que puido verse sobre a pista.

Os pontevedreses recibirán na próxima xornada (o vindeiro 27 de abril) no CGTD ao Palma del Río, equipo que non termina de distanciarse da parte baixa da táboa (13° posición).

Consulta a acta do Villa de Aranda-Cisne.