O Cisne refórzase co porteiro Jorge Villamarín ata final de tempada

Pontevedra
22 de marzo 2019

O club pontevedrés pechou a incorporación do gardameta, procedente do Sinfín, co obxectivo de reforzar as aspiracións de permanencia do equipo nun tramo final de tempada a lume vivo na División de Honra Prata

Jorge Villamarín nun partido co BM Sinfín
Jorge Villamarín nun partido co BM Sinfín / BM Sinfín

A División de Honra Prata está que arde na pelexa por salvar a categoría, e o Club Cisne Balonmán tras tres derrotas consecutivas viuse metido na pomada a pesar de ser sétimo na táboa e estar a só 3 puntos do play-off.

Ante esta situación, a entidade moveu ficha para reforzar unha posición clave para o tramo final de liga, a de porteiro.

O Cisne anunciou este venres a fichaxe do gardameta Jorge Villamarín, procedente do Sinfín cántabro que milita na Liga Asobal.

Villamarín incorpórase en principio ata final de curso.

O reforzo confírmase un día antes de que os de Jabato visiten o BM Santoña (sábado, 18:30 horas), equipo que ocupa a penúltima posición.