O Cisne recupera o sorriso ante o Santoña e logra un triunfo vital (24-30)

Pontevedra
23 de marzo 2019

Os pontevedreses comezarán a recta final da tempada na sétima posición da táboa tras sumar dous importantísimos puntos en Cantabria, asegurándose, desta forma, a permanencia en División de Honra Prata

Miguel Simón no partido ante o BM Santoña
Miguel Simón no partido ante o BM Santoña / Diego Torrado

O Cisne iniciará a recta final da tempada na sétima posición tras a vitoria desta fin de semana ante o BM Santoña, equipo que, pola súa banda, continúa pelexando por abandonar os postos de descenso, agora cunha perspectiva máis complicada (pechacancelas a tres puntos da salvación). Desta forma, os pontevedreses, ademais de sumar dous puntos importantes, conseguiron deixar atrás a mala serie que atravesaba desde había tres xornadas.

Comezou o partido de fronte para os de Jabato. En 10 minutos xa dobraban aos cántabros no marcador (3-6). Os segundos non acaban de atoparse nada cómodos en ataque, onde varias perdas consecutivas de balón desencadearon segundas ondas e contraataques executados con exactitude polos pontevedreses. Estes, sabedores da importancia e a necesidade de puntuar esta fin de semana, saíron á pista totalmente enchufados, aproveitando cada ocasión á perfección e cedendo moi pouco atrás. Incluso a portería, moi cuestionada, sobre todo, nesta segunda volta, foi un seguro de vida durante os primeiros compases do choque. 

Con todo, cando o equipo galego contaba coa maior vantaxe ata o momento, encaixou un duro parcial en contra en apenas 8 minutos (0-5). A partir dese momento e ata a chegada do descanso, a igualdade foi máxima, chegando ao mesmo en táboas (12-12).

O paso polos vestiarios foi vital para o Cisne. Desde o comezo da segunda parte, foron capaces de recuperar o bo xogo mostrado ao comezo do encontro. Rapidamente, volveron poñerse por diante, adquirindo unha diferenza de 5 tantos no 40' (14-19). Diferenza que souberon manter (e mesmo ampliar) durante o tempo restante.

Finalmente, vitoria contundente para os visitantes (24-30), que supón un paso de xigante no seu obxectivo principal: a permanencia en DHP.

Consulta a acta do BM Santoña-Cisne.