O Cisne reina en Pontevedra (25-30)

Pontevedra
02 de outubro 2021

O Club Cisne Balonmán reina en Pontevedra despois de superar á Sociedad Deportiva Teucro no derbi da Boa Vila. O equipo de Jabato impúxose cun contundente 25-30, sendo claves as aparicións de Jorge Villamarín baixo paus e os lanzamentos desde o exterior de Carlos Álvarez. Pero a pesar do resultado, os pupilos de Irene Vilaboa pelexaron pola vitoria nun partido que deixou mal sabor de boca aos azuis, non polo resultado, senón por lesión de xeonllo de Miguel Sío, que se tivo que retirar da pista axudado polos seus compañeiros

Derbi de División Honra Prata entre Teucro e Cisne no Pavillón Municipal
Derbi de División Honra Prata entre Teucro e Cisne no Pavillón Municipal / Mónica Patxot

O Club Cisne Balonmán reina en Pontevedra despois de superar á Sociedad Deportiva Teucro no derbi da Boa Vila. O equipo de Jabato impúxose cun contundente 25-30, sendo claves as aparicións de Jorge Villamarín baixo paus e os lanzamentos desde o exterior de Carlos Álvarez. Pero a pesar do resultado, os pupilos de Irene Vilaboa pelexaron pola vitoria nun partido que deixou mal sabor de boca aos azuis, non polo resultado, senón por lesión de xeonllo de Miguel Sío, que se tivo que retirar da pista axudado polos seus compañeiros.

Comezou o encontro igualado, con intercambio de golpes en senllos primeiros ataques de ambas as escuadras. Pero o Cisne, máis acertado en ataque e cunha defensa 5-1, colocouse cunha vantaxe de dous goles sobre o Teucro aos catro minutos (1-3).

O partido estaba moi intenso, cos azuis máis nerviosos que os brancos e cometendo erros para portería. O colexiado sentou dous minutos a Dani Virulegio, deixando en inferioridade numérica aos de Jabato e podendo o Teucro reducir diferenzas. Pero, moi precipitados, desaproveitaron a xogada, que se traduciu en gol de *Álex Chan (1-4).

Estaban moi nerviosos os pupilos de Irene Vilaboa que, ou ben estrelaban os seus lanzamentos na figura de Villamarín ou, pola contra, roubábaos a zaga rival, moi intensa en todo momento e que marcaba o ritmo do derbi. Movía o balón dun lado a outro o Cisne, poñendo calma cando era necesario ou impoñendo máis velocidade cando vía conveniente.

E cando o Teucro conseguira reducir a distancia en dous goles (3-5), quedaron cun xogador menos no campo pola exclusión de Marko Dzokic, servíndose o Cisne da súa primeira superioridade para pasar como unha apisoadora sobre os xogadores azuis e deixalos noqueados cos tantos de Mateo Arias e de Carlos Álvarez (3-8).

Irene Vilaboa viuse obrigada a parar o cronómetro, a ver se así daba coa tecla para reverter a situación de debilidade que estaban a mostrar os seus xogadores nun Pavillón Municipal abarrotado por afeccionados de ambas as escuadras. E conseguiu o Teucro armarse de valor para ir escalando pequenos banzos que o achegaban aos poucos ao obxectivo de, polo menos, o empate. Así, despois de máis de cinco minutos sen ver portería, Álvaro Moreno marcou o primeiro tanto dos azuis despois de tal seca goleadora (4-8).

A partir dese momento cambiou o devir do encontro. Aínda que o Cisne mantivo un pequeno colchón, este viuse reducido polos tantos locais, que aplicaron unha marcha máis na súa actitude, dando paso aos seus mellores minutos ata ese instante (10-12). Jabato pediu tempo morto e, na posterior xogada de ataque, Chan devolveu a diferenza de tres goles desde os sete metros, que se mantivo ata chegar ao descanso (12-15).

Saíu do vestiario moi impreciso o Teucro. Anotou Chan, que quedou descolgado e non chegou a tempo para replegar en defensa, aproveitando a súa situación máis atrasada no campo para interceptar o pase teucrista e provocar unha contra que Carlos Álvarez converteu noutro tanto. Acto seguido, na área do Cisne, o colexiado pitaba un penalti que Marko Dzokic tiña a ocasión de transformar, pero o seu lanzamento estrelouse no traveseiro, provocando outra situación de ataque para os brancos que Chan utilizou para dar ao seu equipo un colchón de seis goles (12-18).

Pero os azuis, lonxe de desaparecer, rexurdiron unha vez máis para meterse de cheo grazas ás paradas de Joshua Rau, que devolvía a intensidade a un derbi que facía vibrar á afección congregada no Municipal para gozar do derbi do balonmán pontevedrés.

Conseguiu o Teucro seguir reducindo a distancia a tan só tres goles do empate grazas a Álvaro Moreno, Martín Davila e *Álex Pereiro ( min. 8, 17-20). Parou o tempo Jabato e os seus activáronse, mentres os nervios e a precipitación nos pases teucristas traducíronse en ocasións para un Cisne que tiña a zurda de Cárlos Álvarez para marcar goles case imposibles desde o extremo dereito (18-24).

Alcanzábase o ecuador do acto e solicitou tempo morto Irene Vilaboa, que pediu un pouco máis aos seus, que souberon sobrepoñerse establecendo un muro defensivo que lles permitiu sobrevivir nos minutos crave e empezar a facer dubidar aos brancos, que moveron ficha na portería dando entrada a Pablo González mentres que en ataque que se empezaban a mostrar nerviosos e dubitativos (23-26).

Quedaban catro minutos de derbi pontevedrés e o luminoso mostraba 24-28. Parouse o tempo, pero non porque ningún técnico solicitáseo, senón porque Miguel Sío fíxose dano nun xeonllo e tivo que ser atendido durante un longo período de tempo.

Unha vez renovado o xogo, houbo un gol para cada equipo, pero quedaban tan só dous minutos por disputarse. O Cisne, lonxe de desperdiciar a súa posesión, empezou a mover dun lado ao outro, evitando a defensa 5-1 dun Teucro que buscaba roubar canto antes para xerar perigo. Pero, lonxe de lograr o seu labor, tiveron que conformarse coa situación de non poder dar a volta a un partido no que o dominio foi branco.

Finalmente, 25-30. Segunda vitoria consecutiva para o Cisne, que volveu a reinar en Pontevedra e, pola contra, segunda derrota consecutiva para un Teucro que segue en construción e ten que poñerse as pilas a pesar de que aínda queda moita liga por diante.