O Cisne renova a unha das súas novas promesas, Mateo Arias

Pontevedra
29 de xuño 2021

O extremo, de 19 anos, está chamado a gañar maior protagonismo no equipo na División de Honra Prata. É o quinto xogador confirmado para a próxima tempada

Mateo Arias, nun adestramento do Cisne no Pavillón Municipal dos Deportes
Mateo Arias, nun adestramento do Cisne no Pavillón Municipal dos Deportes / Mónica Patxot

A canteira seguirá sendo protagonista no Club Cisne na segunda categoría do balonmán nacional. Esa é polo menos a intención da entidade pontevedresa, que este luns confirmou a renovación dunha das súas novas promesas.

Trátase do extremo esquerdo Mateo Arias, un dos xogadores que se formou desde pequeno nas súas categorías inferiores.

Aos seus 19 anos e tras poder gozar de minutos en Asobal, Mateo está chamado a gañar maior protagonismo no equipo a próxima tempada na División de Honra Prata, un reto que asegura afronta "con ilusión".

Trátase da quinta peza confirmada no novo proxecto do Cisne, tras as renovacións de Javi Vázquez, Preciado e Jorge Villamarín e a fichaxe do portugués Daniel Neves.