O Cisne sae coas ideas conxeladas en Nava de la Asunción (30-23)

Pontevedra
13 de xaneiro 2018

Contaxiado do frío case polar que reinaba no ambiente do Pavillón Municipal de Nava de la Asunción, o Cisne saíu á pista coas ideas conxeladas e en pouco máis de 13 minutos enterrou as súas opcións de rabuñar algún punto ante un  BM Nava que acreditou aspirar a todo nesta tempada

Partido entre Cisne e Ca'Mario Lanzarote no CGTD Diego Torrado

Contaxiado do frío case polar que reinaba no ambiente do Pavillón Municipal de Nava de la Asunción, o Cisne saíu á pista coas ideas conxeladas e en pouco máis de 13 minutos enterrou as súas opcións de rabuñar algún punto ante un  BM Nava que acreditou aspirar a todo nesta tempada.

O equipo segoviano xogou un balonmán serio e efectivo, cunha defensa que non deixou físgoa algún nunha primeira parte case perfecta. Así, tras uns primeiros minutos de tenteo e relativa igualdade (2-2), o conxunto local pisou o acelerador machucando aos de Jabato cun parcial de 6-0 que abría unha diferenza que a longo prazo resultaría insalvable para os pontevedreses (8-2), antes de chegar ao  ecuador do primeiro acto.

A partir de aí intercambio de goles, sempre co Cisne a remolque do que facía o seu rival, que chegou a gozar dunha máxima vantaxe de oito goles (16-8) xusto antes de que Alberto Casares reducise nun tanto, para marcharse ao descanso cun contundente 16-9, indicativo da superioridade segoviana.

Nada máis comezar a segunda parte  BM Nava anotaba dous novos goles que disparaban a súa vantaxe a nove (18-9). O Cisne tentou reaccionar, e fíxoo achegándose ata os seis tantos de desvantaxe (19-13), o que obrigou ao técnico local a parar o partido para chamar á orde aos seus e evitar sorpresas. Á volta, BM Nava marcaba (20-13), pero os pontevedreses xa atoparan a fórmula para facer dano na defensa segoviana e cun novo parcial de 0-3 metíanse no partido (20-16) a falta de 15 minutos para o final.

Non houbo opción a máis. O partido entrou outra vez nun intercambio de goles, coa vantaxe local oscilando nunha cómoda marxe de entre 4 e 5 tantos, ata chegar ao 30-23 final, que rompe a boa marcha dos de Jabato nas últimas xornadas.

Consulta as estatísticas do partido entre BM Nava e Cisne na web da Real Federación Española de Balonmán.