O equipo xuvenil do Cisne fai historia e xogará a fase final do campionato de España tras esmagar ao Anaitasuna por un contundente 40-28. Agora, o equipo de Víctor Castro disputará o encontro decisivo fronte ao Barcelona, que venceu ao Granollers por 35-31.
Os pontevedreses foron dominadores do encontro de principio a fin, colocándose cun parcial de 5-1 aos 10 minutos de xogo. Aínda que Anaitasuna reduciu distancias despois dun tempo morto solicitado polo técnico, foi o Cisne o que seguiu dominando, mantendo unha renda de 4-5 goles que por momentos era acurtada.
Iso foi ata alcanzados os minutos finais do primeiro acto, cando os xuvenís brancos apertaron en defensa e ataque para endosar un 20-14 co que se alcanzou o descanso.
Tras o intermedio o Cisne seguiu facendo das súas. Non só mantivo a vantaxe, senón que foi ampliando a renda con cada chegada á área rival, arroiando en cada un dos ataques cos que convertía cada lanzamento nun gol.
Co partido dominado, o Anaitasuna adiantou a defensa, mentres o Cisne só tivo que seguir facendo o seu bo xogo para clasificarse para a súa primeira final do campionato de España na que se enfrontarán ao Barça. O partido poderá verse na web da Federación a partir das 13:00 horas.