O Club Cisne Balonmán segue nunha nube tras o fito histórico que supuxo conseguir a medalla de ouro no Campionato de España Xuvenil Masculino, vencendo a todo un FC Barcelona na gran final.
As xóvenes promesas pontevedresas recibiron este mércores unha merecida homenaxe ao seu logro cunha recepción oficial no Concello de Pontevedra a cargo do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e o edil de Deportes, Tino Fernández.
"Dentro dalgúns meses darédesvos conta do que conseguistes", sinalou Lores dirixíndose ao plantel afirmando que "para Pontevedra é un orgullo" e supón ademais "un logro que proxecta á cidade".
O Cisne conseguira en 2018 unha medalla de bronce no Nacional Xuvenil que soubo a gloria, pero o logrado por esta xeración supón a guinda a un proxecto de moitos anos. "É moi difícil definir con palabras o que significa para o club", recoñece o presidente cisneísta Santi Picallo.
Tanto é así que o edil de Deportes, Tino Fernández, elevou a xesta sinalando que "ser campión non só é ser o mellor equipo de España, senón probablemente de Europa". Palabras maiores.