O estado de graza dos xuvenís do Cisne non se desvanece. Despois de facer historia e coroarse como campións de España da categoría derrotando na final ao FC Barcelona, os prometedores Carlos Álvarez, Daniel Virulegio e Pablo González foron citados por Javier Fernández, Jabato, adestrador do primeiro equipo branco e tamén seleccionador xuvenil, para formar parte do combinado español que disputa en Croacia, desde o 12 de agosto, o Campionato de Europa para menores de 19 anos.
A Selección logrou este mércores o pase a semifinais despois de derrotar con claridade a Islandia (32-25) asegurando a clasificación como segundos de grupos. Antes, na rolda preliminar, empataran con Suecia (23-23) e triunfado sobre Hungría (27-29) e Israel (34-23). E na primeira xornada da fase de grupos, empatou con Eslovenia (37-37), que pasa como primeira de grupo.
Os de Jabato enfrontaranse agora en semifinais a Alemaña, que acabou en primeira posición do outro grupo da competición. O encontro está previsto para o día 22 de agosto ás 17.30 horas.
No que vai de campionato o papel dos tres cisneístas está a ser moi destacado, o extremo Carlos Álvarez destaca no plano anotador con 14 tantos conseguidos, mentres que as paradas de Pablo González están a resultar salvadoras, igual que a achega ao xogo colectivo de Daniel Virulegio.
Despois de pechar o pase a semifinais, Jabato mostrouse "moi contento, aínda o estou asimilando porque onte fixemos algo incrible pero non conseguimos nada no fondo... e hoxe tiñamos que facer un gran partido ante un equipo que non se xogaba nada, e tivemos que xogar con eses nervios, coa tensión de ofrecer unha boa imaxe, sobre todo a nivel defensivo. Alégrome polos rapaces, polo moito que traballaron este verán para chegar ata aquí, e agora temos por diante dúas batallas difíciles e imos loitar por todo".