O Club Acuático Umia proclámase campión galego absoluto de salvamento en Ourense

Umia
21 de marzo 2023

Os nadadores do equipo de Caldas conseguiron 14 medallas en diferentes probas individuais e por equipos

O Club Acuático Umia, campión galego absoluto de salvamento e socorrismo
O Club Acuático Umia, campión galego absoluto de salvamento e socorrismo / Club Acuático Umia

O Club Acuático Umia proclamouse esta fin de semana campión autonómico de categoría absoluta na modalidade de salvamento e socorrismo. Os nadadores do club de Caldas conseguiron o título despois de clasificarse a 40 finais, nas que lograron 6 medallas individuais e 8 en probas de substitucións.

A primeira medalla chegou na primeira carreira do evento celebrado na piscina ourensá Rosario Dueñas. Na proba dos 200 obstáculos, Paula logrou o bronce para o seu equipo. Un botín que ampliaron logo Lidia e Álex con senllas pratas no 100 socorrista.

Nas probas por substitucións, o equipo formado por Inés, Celia, Lidia e Ainoa conseguiron o primeiro ouro para o equipo pontevedrés, mentres que o grupo masculino que integraron Xoel, Manu, Álex e Martín conseguiron a prata. En lanzamento de corda, Dani Naf e Andújar foron primeiros, mentres que Inés e Ainoa acabaron terceiras. Na última competición do sábado, o 4x25 remolque, o equipo feminino formado por Inés, Ainoa, Celia e Ana levou a prata.

Xa na xornada dominical, caeu un novo ouro na primeira proba para o Acuático Umia, o logrado por Álex na carreira de 200 supersocorrista. Mesma modalidade na que Lidia obtivo o bronce, un resultado que repetiu a continuación nas 100 aletas. 

Nas carreiras por equipos, o feminino fíxose coa prata no 4x50 combinado, mentres que o masculino conquistou o bronce. Na substitución mixta, Inés, Xoel, Lidia e Manu pecharon cun novo segundo posto outra brillante cita autonómica para o Acuático Umia.