O Club Aromon Pontevedra presume de campión de España de escalada con Xavi Carballo

Pontevedra
16 de decembro 2022

O xove escalador pontevedrés, de só 16 anos, vén de proclamarse Campión de España de Escalada de Dificultade Sub 18, logrando ademais o título galego absoluto na modalidade olímpica

Xavi Carballo, no alto do podio do campionato de escalada celebrado na Coruña
Xavi Carballo, no alto do podio do campionato de escalada celebrado na Coruña / Club Aromon Pontevedra Montañeiros A Roelo

Empezou na escalada aos 10 anos coa escola deportiva do Club Aromon Pontevedra Montañeiros a Roelo, e agora é xa todo un campión de España.

O pontevedrés Xavi Carballo é desde hai uns días, e con só 16 anos, campión de España de escalada de dificultade en categoría Sub-18.

Motivo máis que suficiente para que o seu club presuma dun deportista que segue, facendo honra ao seu deporte, escalando cara á elite, como demostra que tamén conseguise na Coruña proclamarse campión galego absoluto no formato olímpico que se usará en París 2024, sumando as puntuacións das probas de dificultade e bloque.

Carballo conseguiu a mellor puntuación en ambas as dúas disciplinas, demostrando a evolución que experimentou grazas en parte ao seu esforzo dentro do programa de tecnificación da Federación Galega Montañismo (FGM).

Na mesma competición, celebraba no rocódromo de Riazor, na Coruña, o seu irmán Tiago Carballo tamén subiu ao primeiro chanzo do podio autonómico na proba de dificultade infantil, e é que a escalada na súa casa é cousa de familia.