O escalador pontevedrés campión de España sub 18, Xavi Carballo, recibe o apoio da Deputación

Pontevedra
29 de decembro 2022

O novo deportista foi recibido polo deputado provincial de Deportes, Gorka Gómez, nun acto ao que asistiu tamén o seu irmán Tiago, segundo na Copa Galega en categoría infantil

Xavi Carballo, no campionato de escalada celebrado na Coruña
Xavi Carballo, no campionato de escalada celebrado na Coruña / Club Aromon Pontevedra Montañeiros A Roelo

O prometedor escalador pontevedrés do club Aromon, Xavi Carballo foi recibido este xoves na Deputación despois de proclamarse campión de España.

O deputado de Deportes, Gorka Gómez, conversou uns minutos co "futuro da provincia e do país" nesta modalidade deportiva. O socialista lembrou que desde a Deputación, ademais das subvencións que anualmente reparten por valor de 4 millóns de euros, traballan para que os deportistas poidan alcanzar os seus obxectivos, sobre todo nas "disciplinas menos visibles". 

Neste sentido, Gómez quixo felicitar a Xavi e ao seu irmán Tiago, segundo na Copa Galega en categoría infantil. "É importante ter referentes na elite para que os máis cativos e cativas aspiren chegar ao máis alto", declarou o deputado.

O maior dos Carballo vén de proclamarse campión de España de escalada de dificultade na categoría sub 18. Aproveitou a súa visita para agradecer á Deputación e ao seu club "por todo o que me están dando". O escalador pontevedrés é unha dos deportistas agraciado coa bolsa DepoPromesa pola que recibe unha axuda que lle permite "seguir adestrando moito e con moito sacrificio".

O vicepresidente do Club Aromon, Manuel Beloso, tamén destacou o apoio da Deputación ás escolas do club, que naceron hai cinco anos e son fundamentais para que "rapaces coma eles sexan referentes da escalada agora mesmo".