O Club Atletismo Rías Baixas crea o I Criterium Gustavo Dacal

Pontevedra
21 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

O Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra acollerá o vindeiro sábado 23 de marzo unha competición pensada especialmente para as probas de lanzamentos, incluída a categoría adaptada, e que conta para a súa primeira edición con máis de 300 deportistas rexistrados

Presentación do I Criterium Gustavo Dacal
Presentación do I Criterium Gustavo Dacal / PontevedraViva

O Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra acollerá o vindeiro sábado 23 de marzo unha competición atlética pensada especialmente para as probas de lanzamentos, incluída a categoría adaptada.

Trátase do I Criterium Gustavo Dacal, organizado polo Club Atletismo Rías Baixas, e que para a súa primeira edición contará con "máis de 320 participantes, a maioría menores", explicou en representación do club Jesús Cortegoso.

Ademais de carreiras infantís de diferentes distancias segundo a idade dos participantes, desde a categoría prebenxamín, nas pistas do CGTD daranse cita "sete dos mellores lanzadores de deporte adaptado" do país, segundo confirmou na presentación do evento o propio Gustavo Dacal secundado polo presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López.

A competición arrancará ás 16.00 horas da tarde cos lanzamentos adaptados, para prolongarse ata a aproximadamente as 20.00 horas prometendo unha bonita xornada de atletismo na Boa Vila.