O Club de Loita Pontevedra pon as súas miras no Nacional Absoluto

Pontevedra
28 de febreiro 2019

Santiago de Compostela acollerá os días 1 e 2 de marzo a gran cita do ano na loita olímpica nacional, unha competición á que acoden con opcións dous deportistas pontevedreses, Lydia Pérez e Pablo García

Lydia Pérez e Marcos Miragaya (esquerda) no Torneo Internacional de Dormagen, en Alemaña
Lydia Pérez e Marcos Miragaya (esquerda) no Torneo Internacional de Dormagen, en Alemaña

Santiago de Compostela, concretamente o pavillón de Santa Isabel, será escenario este sábado día 2 de marzo da gran competición da loita olímpica nacional, o  Campionato de España Absoluto.

Na cita estará representado o Club de Loita Pontevedra con dous dos seus deportistas máis destacados, Lydia Pérez e Pablo García, e que parten con opcións nos seus respectivos pesos defendendo as cores da Selección Galega.

Lydia vén de participar no Torneo Internacional de Dormagen, en Alemaña, onde venceu no primeiro cruzamento á austríaca Kathrin Mathis para ceder despois na pelexa polas medallas ante a italiana Aurora Campagna. Agora, na cita santiaguesa, aspira a todo na categoría de 62 quilos.

Pola súa banda Pablo García competirá na categoría de 74 quilos da loita libre masculina co obxectivo de chegar ás roldas finais e loitar polas medallas.

O Campionato de España Absoluto de Loitas Olímpicas congregará en Santiago de Compostela máis de medio milleiro de persoas entre deportistas, adestradores, árbitros e staff técnico, cunha competición que comezará ás 10:00 horas, coas finais programadas a partir das 18:30 da tarde.