O Concello inicia co Tenis de Mesa Monte Porreiro "unha recua de recepcións que temos pendentes"

Pontevedra
19 de agosto 2022

A entidade deportiva, que esta tempada estreouse en competición europea, foi recibida polos seus logros no recente Campionato de España celebrado en Cartaxena

Recepción municipal ao Tenis de Mesa Monte Porreiro tras o seu bo papel no Campionato de España
Recepción municipal ao Tenis de Mesa Monte Porreiro tras o seu bo papel no Campionato de España / Concello de Pontevedra

O Tenis de Mesa Monte Porreiro foi obxecto este venres dunha recepción oficial no Concello de Pontevedra polos seus logros no recente Campionato de España celebrado en Cartaxena.

Nesa cita o seu equipo feminino sumou ata seis medallas, destacando a prata sub-23 e o bronce infantil por equipos. Pero a temportada foi especial tamén na entidade deportiva ao ser a do seu debut en competición europea co seu equipo absoluto masculino.

"Vai ser a primeira dunha recua de recepcións que temos pendentes", sinalou na súa intervención o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, acompañado do edil de Deportes, Tino Fernández.

"O clube está crecendo. Estades non bo camiño", defendeu o rexedor aludindo ás posibilidades que ofrecerá a nova instalación proxectada no barrio de Monte Porreiro para a práctica específica deste deporte e na que se van investir máis de dous millóns de euros.

Pola súa banda o director técnico da entidade deportiva, Nando Álvarez, agradeceu a recepción afirmando que "é unha delicia estar aquí e que che recoñezan na túa propia casa".