O Concello manterá pechadas as instalacións deportivas municipais durante a fase 2

Pontevedra
22 de maio 2020

O  concelleiro de Deportes, Tino Fernández, lanza unha mensaxe de prudencia aos clubs da cidade para evitar que unha apertura prematura destes recintos supoña un retroceso ou un rebrote da pandemia

O concelleiro de Deportes, Tino Fernández, mantén unha reunión telemática con representantes dos clubs da cidade
O concelleiro de Deportes, Tino Fernández, mantén unha reunión telemática con representantes dos clubs da cidade / Concello de Pontevedra

As instalacións deportivas municipais manteranse pechadas aínda que a provincia de Pontevedra entre o luns na fase 2 da desescalada polo coronavirus planeada polo Goberno. Foi a principal mensaxe que lles transmitiu o concelleiro de Deportes, Tino Fernández, a representantes de 40 clubs da cidade cos que mantivo este xoves unha videoconferencia.

"Na fase 2 manteremos as instalacións pechadas esperando que a situacion mellore e instrucións do Goberno", comunicou o socialista coa intención de "non caer na tentacion de apresurarnos e que iso supoña un retroceso". Ademais non consideran urxente a apertura destes recintos porque "a actividade física pode facerse en espazos naturais e tampouco hai competicións deportivas", explicou o edil.

Neste sentido, pide aos clubs que vaian preparando o seu regreso á normalidade, para o que será necesario "establecer un protocolo para adaptarse á nova situación". Para iso, o Concello poñerá ao dispor destas entidades un software que facilite a súa xestión diaria e a súa relación coa administración.

Doutra banda, a concellería de Deportes ten previsto este ano conceder un total dun millón de euros aos clubs da cidade en diferentes liñas de axudas.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora