O Concello traballa na reactivación das escolas deportivas para o mes de outubro

Pontevedra
16 de setembro 2021

A única traba que queda por resolver é a modificación do protocolo da Xunta que impide a reunión de máis de dez deportistas non federados en espazos abertos e seis en lugares pechados

Estrea do novo campo de fútbol de Ponte Sampaio
Estrea do novo campo de fútbol de Ponte Sampaio / Cristina Saiz

O Concello de Pontevedra quere reactivar as escolas deportivas municipais no mes de outubro. O titular de Deportes, Tino Fernández, explicou este xoves que xa teñen listos todos os protocolos e que só esperan a que a Xunta actualice o seu protocolo para as actividades non federadas para poder comezar cos trámites. 

"O problema co que nos estamos atopando neste momento é un problema de protocolo da Xunta. As actividades non federadas teñen unha limitación de seis rapaces en ámbito pechado e de dez en ámbito aberto, o que limita moitísimo as posibilidades de desenvolver as Escolas Deportivas para a maior parte dos clubs de Pontevedra, tanto polo número de monitores necesarios como polos horarios e o espazo precisos para poder realizalas", detallou o concelleiro instando á Xunta a modificar esta norma. 

En relación ao posible acceso de público ás instalacións deportivas, o edil socialista fixo referencia ao protocolo que obriga a  desinfectar as bancadas entre partido e partido para xustificar a decisión de non permitir a entrada de familiares a estes recintos deportivos. "No caso dos equipos de base, si asumimos que entre público, por exemplo, ao partido que se xoga ás 10:00 horas, en canto acabe ese encontro teriamos que parar e desinfectar antes de que entrasen os do seguinte. Se deixamos entrar aos pais e nais do partido das 10:00 horas, ou ben atrasamos tódolos partidos e perdemos horarios ou non podemos deixar entrar aos pais e nais das 11:30 horas e iso sería un agravio comparativo", xustificou pedindo paciencia e comprensión aos pais e coa esperanza de que as circunstancias permitan modificar estes protocolos no menor tempo posible. 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora