O Club Waterpolo Pontevedra volveu competir esta fin de semana despois de 15 meses de parón provocado pola pandemia. E fíxoo á súa maneira, con vitoria. Os dous equipos infantís da entidade pontevedresa foron os encargados de retomar a competición ao participar en Ferrol no campionato galego da categoría.
Desde a dirección deportiva da entidade restan importancia ao triunfo e poñen o foco en que "a vitoria máis importante foi a volta á competición", na que "unha vintena de xogadores e xogadoras, por fin puideron gozar de novo as sensacións únicas de participar nun campionato, despois de 15 longos meses nos que a pandemia lles impediu xogar ao deporte que máis lles gusta, un tempo no que non deixaron de exercitarse, xa fora por vídeo-conferencia ou ben na piscina con numerosos cambios de horarios, días, instalacións e restricións".
No plano estritamente competitivo, o campionato organizado polo Mariña Ferrol na piscina Javier Gómez Noya saldouse cunha medalla de ouro para o CW Pontevedra A e outra de bronce para o CW Pontevedra B. O primeiro equipo desfíxose do conxunto local no primeiro partido por un apertado 7-10, mentres que no segundo partido foi o Mariña Ferrol o que superou cun claro 1-11 ao segundo equipo da entidade lerezana. No terceiro e definitivo partido entre as dis escuadras pontevedresas, o primeiro equipo fíxose co triunfo por 10-0 para facerse co cetro autonómico.