O CW Pontevedra pon a proba o seu nivel para a Primeira División nun torneo internacional

Pontevedra
17 de xuño 2022

A sección feminina do Club Waterpolo Pontevedra desprázase esta fin de semana a Portugal para enfrontarse a un combinado luso sub 19 e a unha selección de Sudáfrica

Equipo feminino do CW Waterpolo Pontevedra CW Pontevedra

O Club Waterpolo Pontevedra participa esta fin de semana no primeiro Torneo Internacional de Polo Aquático Feminino “Tabuaço a Jogar”.

Tras o histórico ascenso a Primeira División Nacional Feminina logrado polo CW Pontevedra hai un mes, a entidade pontevedresa non perde o tempo e continúa preparándose de fronte ao debut nacional. Por iso aproveitou a invitación da Federaçao Portuguesa de Nataçao para participar neste torneo.

A Federación Portuguesa está a preparar a súa participación no Campionato de Europa sub 19 Feminino, polo que organizou unha concentración co equipo Gauteng Ladies Waterpolo (Sudáfrica) e un torneo no que tamén participará o CW Pontevedra.

O torneo disputarase na piscina municipal de Tabuaço, distrito de Viseu (Portugal), e será unha valiosa experiencia para o club pontevedrés, que participará co equipo absoluto composto polas mozas do CW Pavillón Ourense e de CW Pontevedra. Mediranse a un equipo sub 19 portugués de gran nivel e ao equipo de Sudáfrica.

O torneo xogarase en formato de liga a dobre volta, polo que se medirán dúas veces con cada equipo, xogando un total de 4 partidos en dous días, unha gran rodaxe que aproveitarán sobre todo as xuvenís do CW Pontevedra, de fronte ao Campionato de España Xuvenil Feminino que disputarán do 14 ao 17 de xullo en Barcelona.