Realizado o sorteo de grupos de competición, o Club Waterpolo Pontevedra xa coñece o camiño que lle espera a próxima tempada no que será o seu debut na Primeira División Nacional Feminina.
A competición dará comezo o 22 de outubro cunha primeira fase dividida en dous grupos de 8 equipos cada un, en formato de liga de ida e volta.
Nesa división o conxunto pontevedrés quedou emparellado no Grupo A xunto a Simalga Real Canoe NC, UE Horta-Haxelia, Leioa IT, AE Santa Eulalia, CN Ciudad de Alcorcón, Conectabalear Mallorca WPC e CW Marbella.
Desta forma o Waterpolo Pontevedra deberá afrontar desprazamentos a Madrid en dúas ocasións, outros dous a Cataluña, un a País Vasco, un a Mallorca e outro a Andalucía.
En canto ao sistema de competición tras finalizar a primeira fase os catro primeiros clasificados do Grupo A e os catro primeiros clasificados do Grupo B formarán o Grupo C, mentres que os catro últimos decada grupo formarán o Grupo D, xogándose ambos de novo en formato de liga a ida e volta contra os equipos cos que non se enfrontaron con anterioridade. Finalmente os catro primeiros do Grupo C xogarán polo ascenso a División de Honra en semifinais e final, mentres que os dous últimos clasificados do Grupo D (postos 15 e 16) perderán a categoría.
PRIMEIRO REFORZO
No que respecta a a planificación deportiva, o Club Waterpolo Pontevedra comezou a anunciar reforzos, coa incorporación da viguesa Carmen Carrera, xogadora de 21 anos que procede do RCN Vigo pero que tamén xogou no CN Coruña.