O CW Pontevedra prolonga o seu bo momento coa terceira vitoria consecutiva

Pontevedra
30 de xaneiro 2023

O equipo pontevedrés derrotou a domicilio ao Mallorca por 6 a 11 e sitúase na cuarta posición do seu grupo

Equipo de Primeira División del CW Pontevedra
Equipo de Primeira División del CW Pontevedra / CW Pontevedra

Terceira vitoria consecutiva do Club Waterpolo Pontevedra, que esta fin de semana derrotou a domicilio ao Mallorca por un contundente 6 a 11 no marcador.

Asentado nunha plácida cuarta posición do grupo A de a Primeira División Feminina, a segunda máxima categoría estatal deste deporte; o equipo pontevedrés comezou adiantándose no marcador para ver como logo remontaban as locais. Pero antes de terminar o segundo cuarto, as lerezanas lograron voltear novamente o marcador para certificar o triunfo na segunda parte do encontro. 

O segundo cuarto comezou con 1-2 no marcador favorable ás visitantes, pero o Mallorca logrou empatar pronto e logo darlle a volta ao marcador. A pouco máis de dous minutos para o bocinazo final, un dobrete de Andrea Andión volvía poñer ás pontevedresas por diante. E a falta de 15 segundos, un tanto de Valentina Restrepo ampliaba a vantaxe para encarar a segunda parte do duelo con maior tranquilidade.

Recortaron distancias as locais ao comezo do terceiro cuarto, pero o CW Pontevedra apertou novamente o acelerador para conseguir tres tantos e situar o marcador nun 4-8 co que se pecharía o penúltimo período.

No último cuarto, as visitantes foron capaces de administrar a súa vantaxe sen apuros para anotarse unha cómoda vitoria e ampliar a súa serie triunfal ata os tres partidos e colocarse a só catro puntos do líder do grupo.