O deporte pontevedrés súmase ao San Patricio do Mareantes

Pontevedra
09 de marzo 2017

O club de rugby, que ultima os preparativos para a sétima edición do seu San Patricio, involucrou a deportistas e equipos da cidade na promoción da festa, coa que buscan recadar fondos para custear a súa tempada

O Club Galaico Sincro apoia o San Patricio do Mareantes
O Club Galaico Sincro apoia o San Patricio do Mareantes / Mareantes Rugby Clube

O Mareantes Rugby Club ultima os preparativos para unha nova edición do seu San Patricio, a sétima xa, nunha iniciativa coa que pretende recadar fondos para afrontar os gastos da tempada e cadrar o seu orzamento.

Para promocionar o evento a nova directiva do club propúxose involucrar a deportistas e clubs da cidade, coa intención de que participen ademais dos festexos.

Así, deportistas e clubs doutras disciplinas deportivas como a loita olímpica, natación sincronizada, fútbol sala, atletismo ou balonmán, entre outros, fotografáronse coa camiseta do Mareantes e portando carteis cos 'hastag' #SanPatricio2017 e #MareantesRugby.

A sétima edición de San Patricio celebrarase, como é xa costume, cunha carpa situada na Praza de España desde o vindeiro mércores 15 de marzo e que permanecerá aberta ao público ata o domingo 19 de 12:00 a 00:00 horas. 

DERBI PONTEVEDRÉS PARA PECHAR A TEMPADA REGULAR

Antes de centrarse no San Patricio, o Mareantes afrontará este sábado (16:00 horas) no campo de Monte Porreiro, o último partido da tempada regular co sempre esperado derbi local ante o Pontevedra Rugby Club.

Será un partido importante para o Mareantes, que en caso de derrota podería caer á praza de promoción pola permanencia. Pola súa banda o Pontevedra Rugby Club, clasificado xa para o play-off polo título no cuarto posto provisional, ten a opción de adiantar algún posto na táboa para evitar na semifinal ao intratable CR Ferrol.