O PRC leva o último derbi da tempada ante o Mareantes (17-29)

Pontevedra
14 de marzo 2017

Ao finalizar cuarto a tempada regular, o Pontevedra Rugby Club cruzarase no play-off polo título autonómico ante o campión da liga regular, o CR Ferrol. O Mareantes pola súa banda, obrigado a loitar pola permanencia na categoría  

Derbi entre Mareantes e Pontevedra Rugby Club
Derbi entre Mareantes e Pontevedra Rugby Club / Diego Torrado

Non era un derbi máis o que disputaron a pasada fin de semana Mareantes e Pontevedra Rugby Club no campo de Monte Porreiro. Era o partido que pechaba a tempada regular na Primeira Galega e por iso había moito en xogo para ambos os dous equipos.

Logo dun choque intenso, igualado e xogado con boa dose de deportividad, o PRC foi o que levou o triunfo por 17-29(B), aínda que con iso non consegue mellorar a súa clasificación.

O Pontevedra Rugby Club concluíu a fase regular na cuarta posición, polo que xogará o play-off polo título autonómico e farao co peor cruzamento posible nas semifinais, ante o campión CR Ferrol que esta campaña mostrouse intratable. A semifinal xogarase en Ferrol a fin de semana do 25 e 26 de marzo.

Pola súa banda o Mareantes, que necesitaba o triunfo para escapar da penúltima posición da táboa, verase obrigado a disputar a promoción pola permanencia na máxima categoría galega, unha eliminatoria que se xogará a dobre partido ante o Fendestas, subcampión da Segunda División, coa ida o 22 ou 23 de marzo a domicilio e a volta a seguinte semana en Pontevedra.