Dominio e superioridade total do Deportivo B, que se xogaba as súas últimas opcións de manter a persecusión do Pontevedra, ante un Arosa que tamén necesitaba gañar para seguir con esperanzas de remontar posicións e acceder ao cuarto posto. Ao final ningún dos dous conseguiu o seu obxectivo. Os herculinos ante o empate do Pontevedra, que lles deixaba sen posibilidades matemáticas de alcanzar o primeiro posto, e os arosistas cunha derrota que lles deixa fóra da loita.
Polo menos o triunfo local serve aos de Manu Mosquera para asegurarse o segundo posto, mentres o equipo que adestra Piscis asina unha recta final de campionato que lle levou á zona morna da táboa.
O Deportivo B levou o peso do partido dende o primeiro momento. Dani Iglesias adiantaba aos locais no marcador, cun bo remate dende o interior da área, e o propio Dani Iglesias conseguía o segundo pouco despois.
Lixeira melloría arosista na segunda parte, aínda que as mellores ocasións foron locais, como un remate de novo de Dani Iglesias que se foi ao poste e outras tres ocasións nas que Jorge Pérez evitou a sentenza.
Na recta final Adrián Camiño ao transformar un penalti daba emoción ao partido e Javi Pazos no último minuto puido empatar, pero o seu remate de cabeza marchou fóra por pouco. Na xogada seguinte, co tempo cumprido, Cañi pechaba a conta co terceiro gol local.
DEPORTIVO B (3): David; Adrián, Jorge, Rober, Iago, Sam Piette (Santi Taboada, min. 74), Cardoso, Queijeiro, Dani Iglesias, Ángel (Juan, min. 84) e Remeseiro (Cañi, min. 62).
AROSA SC (1): Jorge Pérez; Juanjo, Nano, Martín, Fon (Javi Pazos, min. 74), Rivas (Pablo Vázquez, min. 46), Nando (Santi Padín, min. 84), Juan Rodríguez, Quique Cubas, Adrián Camiño e Eloy Fariña.
Árbitro: Javier Pérez Prado (Lugo), auxiliado en bandas por Adrián Busto Veiga e Jesús López Fernández. Amoestou a Sam Piette, Remeseiro, Adrián e Queijeiro, polos locais, e a Rivas polos visitantes.
Goles: (1-0) Minuto 26: Dani Iglesias. (2-0) Minuto 34: Dani Iglesias. (2-1) Minuto 83: Adrián Camiño, de penalti. (3-1) Minuto 89: Cañi.
Incidencias: Cidade deportiva do Real Club Deportivo da Coruña "El Mundo del Fútbol" (Abegondo). Uns 300 espectadores.