29 de maio, data para as eleccións á presidencia do Arosa

O Salnés
08 de maio 2015

A directiva que preside Manuel Abalo, que non se presenta á reelección, decidiu adiantar os comicios para que os novos mandatarios teñan tempo abondo para elaborar o equipo da próxima tempada

Manuel Abalo (segundo pola dereita) na presentación da segunda equipación do Arosa
Manuel Abalo (segundo pola dereita) na presentación da segunda equipación do Arosa

A xunta directiva do Arosa decidiu adiantar un mes a convocatoria de eleccións para renovar a dirección da entidade arlequinada.

Aínda que o mandato de Manuel Abalo, que non pretende presentarse á reelección, finaliza o 30 de xuño as eleccións celebraranse o próximo 29 de maio para que a nova xunta directiva teña o tempo suficiente para elaborar o equipo de cara á próxima tempada.

Malia iso os actuais mandatarios seguirán ao mando en xuño para poder sacar adiante o Torneo Cidade de Vilagarcía prebenxamín e benxamín, que se celebrarán na Lomba do 19 ao 21 dese mes.

En relación aos comicios, o próximo venres 15 de maio o Arosa convocará unha asemblea informativa para dar a coñecer o estado económico e deportivo do club, antes da reunión na que se decidirá o novo presidente.

Despois desa reunión informativa abrirase o prazo para a presentación de candidaturas, que permacerá aberto dende o luns 18 de maio ata as 20:00 horas do venres 29, hora na que se celebrarán as eleccións.