O Deportivo reparte a presión: "É un partido importante non só para nós, tamén o Pontevedra xógase moito"

Pontevedra
03 de marzo 2021

Diego Villares, centrocampista do equipo coruñés, protagonizou este mércores unha rolda de prensa tras o adestramento do seu equipo a poucos días de recibir a visita en Riazor do Pontevedra Club de Fútbol

Diego Villares (dorsal 22) adestrando co RC Deportivo
Diego Villares (dorsal 22) adestrando co RC Deportivo / RC Deportivo

A ninguén se lle escapa que o partido do próximo domingo 7 de marzo no Estadio Municipal de Riazor pode marcar un antes e un despois tanto para o Real Club Deportivo como para o Pontevedra Club de Fútbol.

A tres xornadas para o final da primeira fase, só un triunfo permitirá seguir aspirando seriamente a pelexar por unha praza na Primeira RFEF a próxima campaña, e iso sábeno tanto granates como branquiazuis.

De feito, e pese ao maior potencial do conxunto coruñés cun orzamento moi por encima de calquera outro equipo da categoría, no Deportivo tentan repartir a presión co seu rival, un Pontevedra que tampouco ten marxe para o erro.

Así o entende por expemplo Diego Villares, centrocampista deportivista que este mércores compareceu ante os medios de comunicación. "Non falamos de que pode ser o máis importante da historia recente do Dépor, falamos que é un partido importante pero non só para nós, tamén o Pontevedra xógase moito", sinalou o futbolista de Vilalba recentemente asentado no primeiro equipo tras o seu ascenso desde o Fabril no período invernal.

Villares, titular nas dúas últimas xornadas para Rubén de la Barrera, asegura que o seu equipo "está concienciado en poder gañar este partido" e "traballando ben, que creo que ese o camiño para que o domingo podámonos levar os tres puntos".

O xogador do Deportivo, a pesar dos complicado da situación clasificatoria tanto dos seus, sextos, como do Pontevedra, sétimo, non quixo renunciar á posibilidade de pelexar polo ascenso, por moi difícil que sexa a meta, porque "quen sabe se podemos dar a sorpresa e acabar conseguíndoo", sinalou sobre esa posibilidade.

O conxunto coruñés prepara estes días a visita do Pontevedra sen baixas, con todo o plantel ao dispor do seu técnico.