O día que o Peixe bañou en ouro a Marín

Marín
31 de marzo 2020

O 25 de marzo se  cumplerion catro anos do histórico primeiro ascenso do  Peixe  Galego a LEB Oro, despois de gañar a liga e Cópaa LEB Prata e acaparar titulares de toda a prensa deportiva polo xogo do "mellor equipo" que dirixiu Javi Llorente

Ascenso do Peixe Galego a LEB Ouro
Ascenso do Peixe Galego a LEB Ouro / Diego Torrado

Histórico. Milagre. Fazaña. Son só algunhas palabras que apareceron en titulares da prensa deportiva de todo o país hai catro anos para definir a impensable xesta lograda por un equipo de baloncesto de pobo. O 25 de marzo do 2016, hai catro anos e seis días, o Peixe Galego culminaba unha campaña brillante ao certificar o ascenso á antesala da ACB e facíao da mellor maneira posible: na casa, cun pavillón abarrotado, baixo a mirada de afeccionados e persoas que achegaran o seu gran de area sen pensar sequera en semellante meta e cunha vitoria incontestable, 83-68 sobre o Fragata Morón de Sevilla.

"Foi un día moi especial para o club e para os que levabamos alí moitos anos. Un feito moi difícil de repetir". Dio Javi Llorente, artífice desde o banco daquel inesquecible ascenso. "Aínda que logo volvémolo a conseguir, pero a primeira é especial", engade tras un breve silencio incapaz de conter a risa ao rememorar esta dobre proeza para un cub dunha vila que rolda os 20.000 habitantes.

A excelente traxectoria deportiva do cadro da Raña nas últimas tempadas distorsiona o tamaño dos obstáculos que tivo que salvar o club para exercer o dereito que se gañou sobre o parqué. Cunha estrutura deportiva limitada, un orzamento minúsculo en comparación coas cifras dos seus rivais e unhas esixencias estratosféricas por parte da Federación para competir nesa categoría, a directiva tivo que avalar co seu propio capital e chamar a incontables portas para atopar patrocinadores que permitisen facer realidade o soño dourado do Peixe.

"Si que faltou apoio económico a nivel xeral para poder competir nunha categoría como esta", recoñece Javi Llorente sen querer buscar responsables e resignándose á realidade económica da época e do lugar. "Si que serviu para aumentar a masa social e tamén a base", consólase.

Pero iso foi posterior, o ascenso fraguouse uns meses antes. Despois dun inicio de liga complicado, o equipo encadeou un refacho de 21 triunfos en 22 partidos, que lle permitiron acabar líderes a primeira volta, gañar a copa LEB Prata e certificar o ascenso a falta de dúas xornadas para o final de liga. Pero todo estaba nun inestable equilibrio, calquera imprevisto podía facer saltar polo aire a tempada.

"Era moi difícil, había que acertar en todo", contextualiza o adestrador leonés, pero de corazón marinense. Cando toda a afección estaba convencia do ascenso e o equipo acaparaba xa toda a atención da prensa deportiva local e mesmo autonómica, Llorente seguía sen lanzar as campás ao voo. "Tiñamos un plantel moi curto e calquera lesión podía afectar", explica o preparador.

Pero un triunfo inverosímil en Granada a falta de cinco xornadas para o final acabou por convencer ao adestrador de que o 2016 era o ano do ascenso. "Viaxamos a Granada un día antes do partido, pero iamos con moitísimas baixas e eles chegaban nun refacho moi bo. Fomos á prórroga e acabamos sacando o partido. Nós chegamos convencidos de que ese partido non o gañabamos, pero fixémolo", lembra Llorente.

E unha semana despois obraron o milagre. "Foi moi especial, foi a última vez que vimos así o pavillón. Cheo de xente do club, xogadores, técnicos. A situación do club baséase moito no traballo deles", expón agradecido Javi Llorente.

Tampouco quere restar nada de mérito aos seus xogadores. "Foi o ano que mellor equipo e grupo humano tiñamos", recoñece. Aínda que é capaz de ralatar un por un todos os nomes, prefire non facelo para non deixar atrás a ninguén. Mais non pode evitalo e empeza polos da casa. "Manu (Ferreiro), Norman (Rey), Oubiña. Gregorio ( Adón), Darío...", enumera coa sobriedade que define ao Llorente adestrador e que aínda así non logra conter do todo a emoción. 

Tampouco se esquece duns forasteiros que souberon gañarse o cariño da afección como Pantín o Navajas, pero sobre os que se desfai en eloxios polo seu rendemento deportivo son Gabe Rogers e Javonte Green. "A Rogers tiñámolo xa do ano pasado pero sabiamos que podía dar un plus, de feito foi o máximo anotador; e con Green acertamos, foi unmilagro ter a un xogador así en Prata", detalla Llorente que destaca a capacidade do escolta para dar maior valor ao proxecto deportivo que lle ofrecía o Peixe que á maior suma de diñeiro que poñían encima da mesa clubs de superior categoría.

Máis que un club era unha familia que foi fortalecendo os seus lazos a golpe de quilómetros interminables por todas as estradas da xeografía española ou con ceas de Nadal en equipo porque, como na Premier inglesa, o baloncesto semiprofesional de España tampouco para polas festas. É así que aínda manteñen o contacto e felicítanse polos logros conseguidos. Cando Javonte Green debutou na NBA coa camiseta dos Bostol Celtics, "mandámoslle unha mensaxe de felicidades e el respondeunos agradecido por axudalo a chegar", valora o adestrador.

Tamén a Llorente chegáronlle cantos de sirena por máis que el négase a admitilo. "Estou na miña casa e identificado co o club, eu ía seguir seguro", recalca ao mesmo tempo que admite que o éxito alcanzado permitiulle tamén cumprir soños profesionais como "Ir ao mundial sub 17 con España que se celebrou ese verán en Zaragoza", remata Javi Llorente, que renunciou este ano ao banco do equipode o seu corazón, ao que el conduciu dúas veces a Ouro e para o que segue traballando nun rol secundario, lonxe dos focos que sempre tratou de esquivar.