O Club Waterpolo Pontevedra puxo a guinda ao pastel da súa gran tempada, na que asinou un brillante e histórico ascenso a Primeira Nacional.
O conxunto pontevedrés completou a súa campaña cun novo logro, o título de campión da Liga Galega de División de Honra tras impoñerse na final ao RCN Vigo.
Ante a falta de piscina na Boa Vila, o equipo composto por xogadoras pontevedresas e ourensás afrontou precisamente en Ourense o segundo partido da final autonómica, ao que chegou cunha vantaxe de 9-11 conseguida na ida.
No choque de volta, aínda que dominando desde o inicio, o Waterpolo Pontevedra non logrou distanciarse no marcador, chegando mesmo a poñerse por diante o seu rival no terceiro cuarto. Con todo souberon xestionar os nervios e a presión para terminar por sentenciar no último parcial ata asinar un resultado de 16 a 11.
O título de liga é o último dunha tempada na que fixeron pleno, ao ser tamén vencedoras da Copa Galega Absoluta Feminina e da Copa Galega Xuvenil Feminina.