O Estudiantes achega o baloncesto ao centro da cidade

Pontevedra
08 de setembro 2018

O club pontevedrés de baloncesto base protagonizou este venres unha xornada de promoción da súa actividade no Paseo Odriozola, na céntrica Praza da Ferrería, convidando a xogar e participar aos nenos e nenas que por alí achegáronse

Actividade de promoción na rúa do Baloncesto Estudiantes Pontevedra Mónica Patxot

O Baloncesto Estudiantes Pontevedra deu por comezada a súa tempada deportiva e quixo que toda a cidade se decatase diso.

O club pontevedrés de base achegou por un día o baloncesto ao centro da cidade e sacouno á rúa montando dúas canchas no Paseo Odriozola, xunto á céntrica praza da Ferrería.

Neste evento de promoción do seu deporte, o Estudiantes organizou sesións de adestramento, concursos, xincanas e partidos nos que convidou a participar ás nenas e nenos que por alí pasaban.

A actividade desenvolveuse en dobre sesión, entre as 11:00 e as 13:00 e entre as 17:00 e as 20:00 horas.

Segundo explicou o club, durante o mes de setembro os adestramentos dos seus diferentes equipos e categorías serán de portas abertas para todos os nenos e nenas que queiran probar a practicar o deporte da canastra.